Tuesday 30 de April de 2024

Membros do Parlamento Europeo realizan un treito da Ruta Xacobea entre Caldas de Reis e Padrón


Están en Galicia con motivo da súa participación nas xornadas “Os Camiños de Santiago: visións dende Europa”
O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e membros do Parlamento Europeo que están en Galicia con motivo das xornadas “Os Camiños de Santiago: visións dende Europa” realizaron un treito da Ruta Xacobea entre Caldas de Reis e Padrón. Ademais de España, estes parlamentarios proceden de diversos países como Portugal, Italia, Alemaña, Croacia, Irlanda ou Lituania.

Os participantes saíron dende Caldas de Reis ás 10,30 horas co obxectivo de chegar a Padrón ás 16,00 horas, previa pausa para comer no albergue de peregrinos de Valga en torno ás 13,00 horas. Unha vez rematada a andaina, pola tarde realizarán unha visita guiada aos principais monumentos da cidade rosaliana.

Os membros do Parlamento europeo foron recibidos onte pola mañá no Hostal dos Reis Católicos polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Nas conferencias destas xornadas, celebradas onte, ademais dos membros do Parlamento europeo tamén participaron outras autoridades de organismos e entidades internacionais relacionadas coa Ruta Xacobea para abordar a súa compoñente cultural, social, histórica e de valores dende unha perspectiva europea.

Récord de peregrinos
No ano 2015 Compostela recibiu 262.515 peregrinos, dato que xa marcou un máximo histórico. A previsión é que en 2016 se acade un novo récord xa que dende xaneiro se recibiron máis de 123.300 peregrinos, un 8% máis que no mesmo período do ano pasado.

Neste sentido, agárdase que a celebración do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia, que se estende dende o pasado 8 de decembro ata o vindeiro 20 de novembro, teña tamén unha incidencia positiva xa que vai acompañado dunha programación especial posta en marcha por Turismo de Galicia para incentivar a experiencia xacobea.

Deste xeito, terán lugar todo tipo de acontecementos culturais, artísticos e sociais e iniciativas de investigación, de desenvolvemento turístico e de acollida ao peregrino para poñer en valor o fito histórico que supón a apertura da Porta Santa da Catedral de Santiago nun ano non santo.